A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria destaca a súa implicación no coidado dermatolóxico dos cidadáns aconsellándonos estilos de vida saudables, evitando os factores de risco e aumentando os de protección para axudar a previr o cancro de pel.
- Segundo a Academia Española de Dermatología y Venereología, o cancro de pel triplícase cada década. Estima que unha de cada 6 persoas padecerá cancro cutáneo ao longo da súa vida.
- «Previr antes que curar» é unha máxima que queremos transmitir dende atención primaria a través dos consellos dermatolóxicos.
O 13 de xuño celebrouse o Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel. O seu obxectivo é concienciar a poboación sobre a importancia de adoptar bos hábitos relativos á exposición solar.
A pel é o órgano máis extenso do corpo. Pola súa función de barreira, está exposta a múltiples agresións externas que provocan o envellecemento prematuro da pel, alteracións da pigmentación, hiperqueratose, queimaduras… e mesmo cancro de pel.
O cancro de pel é o máis habitual. Cada ano diagnostícanse máis de 2.000.000 de casos novos no mundo. Afortunadamente, tamén é o que conta cunha taxa de curación maior. Entre os tipos de cancro de pel, o melanoma maligno é o menos común e máis agresivo de todos.
A pel branca, ter máis de 50 anos, a presenza de polo menos 30 lunares, as feridas que non cicatrizan, a predisposición xenética, os problemas inmunitarios, estar exposto ao arsénico… relaciónanse con maior susceptibilidade na aparición do cancro cutáneo.
O principal factor de risco evitable no desenvolvemento desta patoloxía é a
sobreexposición á radiación ultravioleta (RUV), debido a unha fonte natural (o sol) ou ben artificial (as cabinas de bronceado).
As radiacións solares aumentan un 25% cos reflexos da area da praia, entre un 5 e un 10% no céspede e un 20% na auga ou corpos mollados. Ademais, as nubes soamente reteñen un 10% das radiacións, polo que aínda que o ceo estea nubrado, débense
tomar precaucións.
Debemos recordar que a nosa pel ten «memoria» e almacena as sucesivas veces que a sometemos a un sol excesivo.
Algúns consellos que queremos transmitir coa chegada da estación estival son:
- Non permanecer ao sol durante períodos prolongados. Buscar a sombra e evitar a exposición durante as 11 e as 16 horas.
- Usar fotoprotectores. Deben ser potentes, protexer ante RUV, ser resistentes á auga e contar cun nivel de protección óptimo segundo o fototipo de pel (FPS > 30). Exténdense sobre a pel seca media hora antes da exposición e débese repetir a aplicación cada 2 horas ou despois dun baño longo.
- Utilizar barreiras físicas: roupa, sombreiro e lentes de sol homologadas.
- Evitar produtos fotosensibles (medicamentos, cosméticos, colonias…).
- Beber abundantes líquidos.
- Hidratar a pel trala exposición.
- Extremar as medidas de protección cos nenos.
- Realizar unha autoexploración cutánea de forma mensual para detectar posibles anomalías.