Os médicos estiman que dentro de cinco anos se podería controlar o lupus

O 10 de Maio celébrase o Día Mundial do Lupus. Un padecemento que afecta principalmente ás mulleres e que ataca as articulacións, os riles e a pel. Coas recentes investigacións, os médicos estiman que dentro de cinco anos mesmo se podería controlar unha enfermidade que en Galicia sofren máis de 2.000 persoas.

Coñecer o lupus para ter un mundo sen lupus. Este é o lema da campaña deste ano polo Día Mundial do Lupus que se celebra o 10 de maio. Hoxe en Galicia máis de 2.000 persoas padecen lupus, 40.000 en España. Unha enfermidade autoinmune e crónica que afecta principalmente ás articulacións, aos riles e á pel.

«O lupus é unha enfermidade sinxela de diagnosticar. E fácil. Aparece en mulleres xóvenes, en mulleres en idade fértil».

Se botamos un ollo atrás, ata hai pouco non había un tratamento específico para o lupus, pero dende hai catro anos trabállase no desenvolvemento non só de medicamentos biolóxicos senón tamén de pastillas para tratalo.

«O tratamento da artrite reumatoide era un tratamento baseado en medicamentos que collíamos prestados doutras enfermidades. Durante máis de 50 anos non se aprobou ningún medicamento especificamente para o lupus. Empezamos a primeira fase de desenvolvemento dos novos medicamentos. Eu creo que nos próximos 5 ou 10 anos, o cambio no tratamento do lupus vai ser enorme».

A pesar de que parece sinxela de identificar, a menudo o seu diagnóstico complícase porque os seus síntomas, dor articular, fatiga, manchas cutáneas e febre, confúndense cos doutros padecementos. A detección precoz é clave para aumentar a calidade de vida do afectado. Pero o primeiro que debemos saber do lupus é que aínda que o padezamos podemos levar unha vida absolutamente normal.

Noticia aparecida nos informativos Telexornal Serán

 

Deja un comentario

Scroll al inicio