Froito da colaboración entre a Sociedad Española de Reumatología e o grupo SIDOR da Universidade de Vigo
A análise estatística identifica patróns de danos en pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico e asóciaos coa mortalidade
O estudo realizouse entre 3656 pacientes dos máis de 4000 do rexistro RELESSER
En España e tamén en Galicia unha persoa de cada 1000 padece Lupus Eritematoso Sistémico, LES, unha enfermidade crónica sen cura na que o sistema inmunitario do paciente ataca a órganos e tecidos ocasionando diferentes danos. A colaboración entre o Grupo de Trabajo de Enfermedades reumáticas autoinmunes sistémicas de la Sociedad Española de Reumatología y el grupo de investigación SIDOR, Statistical Inference, Decision and Operations Research, ligado ao Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo permitiu identificar tres grupos ou clústers de pacientes con LES con patróns de dano similar e avaliar a súa asociación coa mortalidade. A análise estatística de 3656 dos máis de 4000 casos que inclúe o rexistro RELESSER da Sociedad Española de Reumatología atopou concretamente tres grupos de pacientes cun patrón de dano similar: un primeiro clúster (80.6% dos casos) con pouco dano, un segundo clúster (11.4%) caracterizado por ter dano articular e non cardiovascular e un terceiro clúster (8.0%) caracterizado por ter dano cardiovascular.
“O máis importante do noso achado foi a asociación de cada un dos clústers con distintas taxas de mortalidade. Permanecer libre de dano supoñía unha maior supervivencia dos pacientes, mentres que acumular maior dano, sobre todo a nivel cardiovascular, supuña un maior risco de mortalidade”, explica o reumatólogo do Hospital Meixoeiro de Vigo José María Pego Reigosa, que xunto ao tamén reumatólogo do Hospital Doctor Negrín de Gran Canaria Iñigo Rúa-Figueroa, e os investigadores do grupo SIDOR Jacobo de Uña Álvarez e Vanesa Balboa Barreiro desenvolveron este estudo.“A mortalidade no terceiro clúster (dano cardiovascular) duplicou á do clúster dous (dano articular) e esta a súa vez, case triplicou á do clúster con pouco dano, obténdose diferenzas estatisticamente significativas na mortalidade”, detalla Jacobo de Uña, investigador principal do grupo SIDOR, creado no ano 1998 e integrado na actualidade por unha trintena de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.
Os resultados deste estudo xa foron presentados no congreso anual da European League Against Rheumatism e trala publicación dun resumo na revista Annals of The Rheumatic Diseases, a de maior impacto no seu ámbito, o estudo completo vén de ser aceptado para a súa publicación en Rheumatology, a revista da Sociedade Británica de Reumatoloxía. Ademais este mes de novembro as conclusións tamén foron levadas ao congreso da Sociedade Americana de Reumatoloxía.
Resultados que permiten establecer estratexias de prevención e extrapolación de datos
Outra das novidades que introduce este estudo, que arranca en xaneiro de 2014, é que a asociación entre cada uns dos patróns de dano en pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico con distintas taxas de mortalidade observouse non só a moi longo prazo, senón tamén durante os primeiros cinco anos trala diagnose da enfermidade. “Loxicamente isto ten unha importante aplicación na práctica clínica diaria, pois leva ao especialista a establecer estratexias de prevención da aparición do dano xa desde fase moi temperás da enfermidade”, sinala José María Pego, que pon de relevo a importancia do Registro de pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico da Sociedad Española de Reumatología. O RELESSER inclúe máis de 4000 pacientes sobre os que se ten recollido información exhaustiva acerca de variables demográficas, clínico-epidemiolóxicas, comorbilidades, diferentes terapias utilizadas, desenlaces, etc e na actualidade xa se atopa nunha segunda fase prospectiva lonxitudinal na que participan máis de 1500 pacientes que serán seguidos durante varios anos para tratar de identificar factores que se asocien a unha peor evolución da enfermidade.
Sobre a posibilidade de extrapolar os resultados deste estudo a outros rexistros José María Pego lembra que os pacientes de RELESSER son na súa meirande parte de raza branca, “polo que os resultados obtidos da análise dos datos do rexistro son extrapolables á maioría de países europeos con poboacións das mesmas características étnicas que o noso país”.
A importancia dos métodos estatísticos na investigación aplicada
Antes de tomar parte neste estudo, o grupo SIDOR xa participara noutras investigacións médicas no contexto do estudo de biomarcardores para a progresión da sida e tamén para a diagnose do cancro de pulmón, entre outros. “A investigación clínica non é posible sen a estatística que permite analizar os rexistros e extrapolar, no seu caso, os resultados das análises á poboación obxectivo, mediante a aplicación de técnicas de inferencia estatística”, explica Jacobo de Uña, que lembra que as colaboracións universidade-hospital están a medrar en número e intensidade, ao tempo que os estatísticos ou data scientists se están a converter en “indispensables en ámbitos clave como o Bio, o TIC, o financeiro ou o político. De feito moitos dos egresados e egresadas no Máster en Técnicas Estatísticas, impartido na Facultade de Económicas de Vigo, traballan xa en hospitais, empresas ou na administración, aplicando estes métodos cuantitativos”.
Pola súa banda, o doutor José María Pego considera que a investigación estatística é de enorme interese no ámbito médico “pois permite perfeccionar a explicación de datos clínicos, epidemiolóxicos ou analíticos que temos sobre os nosos pacientes e chegar a información ou conclusións relevantes ás que non poderíamos chegar doutro xeito”, explica reumatólogo do Hospital Meixoeiro de Vigo.