
“Traballamos neste ámbito co firme convencemento de que axudar merece a pena. Se podemos facelo, por que non?. O lupus necesita visibilidade e as persoas afectadas apoio. Iso é o que facemos en AGAL”
Nuria, Presidenta de AGAL
MISIÓN
A misión e obxectivo principal da Asociación Galega de Lupus é axudar ás persoas con Lupus. Para iso promocionamos e coordinamos toda clase de accións e información destinadas a mellorar a situación das persoas con Lupus en todas as súas formas ou tipos, independentemente do grao de incapacidade física ou sensorial que padezan.
Buscamos o fácil acceso a servizos enfocados á prevención dunha situación de dependencia para todos os nosos socios.
Fomentar a visibilidade tanto do Lupus como para as necesidades do colectivo é un dos nosos principais obxectivos, así como fomentar o fortalecemento asociativo facendo fincapé na importancia das asociacións.
Para nós é importante darlle sempre un enfoque de igualdade desde unha perspectiva de xénero e de atención á diversidade.
Podes ver algunhas das nosas accións levadas a cabo durante estes anos aqui.
PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA PERSOAL
Unha ampla porcentaxe das persoas con Lupus atópanse, ao longo do transcurso da súa enfermidade, en risco de dependencia e/ou discapacidade polas súas limitacións físicas, orgánicas ou piscolóxicas. Ben porque padeza discapacidade física ou orgánica, ou por depresión.
Co obxectivo de minimizar este tipo de situacións que afectan á calidade de vida e axudar ás persoas con Lupus, AGAL proporciona un apoio individual. Este consiste nun seguimento centrado na persoa usuaria, mediante unha escoita activa.
Ademais, facilítase un acompañamento persoalizado durante a etapa que a persoa enferma de Lupus o necesite. AGAL pretende que a persoa afectada sexa autosuficiente para facer fronte á etapa da súa vida que ten cambios constantes, e sexa capaz de adaptarse a novos retos.


APOIO Á INVESTIGACIÓN
Queremos ser unha entidade referente para os estudos do Lupus. Por iso desde a asociación promociónase e promóvese unha evolución na investigación sobre o Lupus e sobre novos tratamentos, para favorecer un diagnóstico precoz e así minimizar os danos que a enfermidade poida causar.
