Presentación “Lua fala do Lupus”

O pasado 30 de xaneiro tivo lugar a presentación do conto “Lúa fala do Lupus”, nun acto que reuniu a representantes institucionais, profesionais do ámbito sanitario e social, así como público xeral, nunha xornada marcada pola emoción e o compromiso coa visibilización do lupus.

O evento contou coa participación de Os Bolechas, da editorial Edicións Bolanda, e coa actuación da clown Marta Sempre Arriba, que contribuíu a crear un ambiente próximo, dinámico e participativo para todas as persoas asistentes.

Queremos trasladar o noso agradecemento ás persoas que nos acompañaron neste día tan especial, entre elas Begoña Abeijón, Directora Xeral de Discapacidade; Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua, xunto con María Coutinho Villanueva; Almudena Díaz Pereira, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental; Margarita Muñoz de la Llave, de COFAC A Coruña; e Montse Sánchez-Agustino, de Otsuka Pharmaceutical.

Un conto para achegar o lupus á infancia

Lúa fala do Lupus” nace co obxectivo de achegar esta enfermidade á infancia dunha maneira clara, accesible e adaptada, axudando a que os nenos e nenas comprendan que é o lupus e como afecta ás persoas que conviven con el.

A través desta iniciativa conseguiuse facer realidade unha ferramenta educativa fundamental, que non só informa, senón que tamén promove valores como a empatía, a inclusión e o respecto desde idades temperás.

Este proxecto foi posible grazas á colaboración e apoio de distintas entidades, ás que queremos expresar o noso máis sincero agradecemento: a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; a Consellería de Política Social e Igualdade; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; COFAC A Coruña; COF Ourense; e Otsuka Pharmaceutical.

Grazas ao traballo conxunto de todas elas, “Lúa fala do Lupus” convértese nun recurso clave para seguir avanzando na sensibilización social e na educación en saúde.

Deixar un comentario

Scroll ao inicio