A Asociación Galega de Lupus (AGAL) participou recentemente, da man de Otsuka, xunto con ALCER Galicia e a Sociedade Galega de Nefroloxía, nunha importante iniciativa institucional que tivo lugar no Parlamento de Galicia, centrada na saúde renal.
Durante o acto, deuse lectura á Declaración Institucional sobre a Enfermidade Renal Crónica (ERC), un documento no que o Parlamento manifesta o seu compromiso coa prevención, detección precoz, tratamento e investigación da ERC, unha doenza de grande impacto sanitario e social.
A Enfermidade Renal Crónica: un problema de saúde pública
A ERC é unha doenza silenciosa e progresiva que afecta a un número crecente de persoas en Galicia, España e no mundo. Estímase que 1 de cada 7 galegas e galegos padece algún grao de ERC, e máis de 4.000 persoas na nosa comunidade precisan tratamentos renais substitutivos como a diálise ou o transplante.
Por iso, resulta crucial reforzar a prevención e a detección temperá, non só para evitar o avance da enfermidade, senón tamén para previr outras comorbilidades, especialmente as cardiovasculares, e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.
Os puntos clave da Declaración Institucional
O Parlamento de Galicia, consciente da importancia desta problemática, fixo pública unha declaración co compromiso de:
- Impulsar campañas anuais de concienciación, especialmente arredor do Día Mundial do Ril.
- Fomentar a prevención e detección temperá, clave para frear a progresión da enfermidade.
- Garantir apoio psicosocial e laboral ás persoas con ERC e acceso individualizado a tratamentos como a diálise e o transplante.
- Reforzar a colaboración entre institucións, entidades e profesionais, promovendo un enfoque integral.
- Apoiar a investigación e a innovación no ámbito da nefroloxía, desenvolvendo ferramentas como o Plan de Atención Integral á persoa con ERC.
- Dar visibilidade á nefroloxía, recoñecendo o seu papel central na asistencia sanitaria.
Unha chamada ao compromiso colectivo
Esta declaración institucional finaliza cun chamamento á cidadanía, ao persoal sanitario e ás institucións públicas e privadas para sumar esforzos na loita contra a ERC.
O lema “Coida os teus riles, coida a túa vida” sintetiza o espírito desta iniciativa: a saúde renal debe ser unha prioridade para todos e todas.
Desde AGAL valoramos profundamente esta iniciativa e agradecemos poder formar parte dela. Sabemos que as persoas con lupus tamén poden presentar afectación renal, polo que apoiar accións como esta forma parte do noso compromiso coa saúde integral, a información e o benestar das persoas afectadas.
Seguiremos traballando en colaboración con outras entidades e institucións para visibilizar, informar e mellorar a atención ás persoas con enfermidades crónicas.




