Estatutos AGAL

 TÍTULO PRIMEIRO

Denominación e réxime xurídico da asociación

Artigo 1º. Denominación

Co nome de ASOCIACIÓN GALEGA DE LUPUS (AGAL) créase unha asociación sen ánimo de lucro de persoas afectadas de lupus, cos fins e obxectivos que se determinan nestes estatutos. Constitúese por tempo indefinido, salvo disolución acordada na forma en que se determina máis adiante.

Artigo 2º. Réxime xurídico

A asociación rexerase pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións, e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 3º. Personalidade xurídica

A ASOCIACIÓN GALEGA DE LUPUS (AGAL) ten personalidade xurídica propia independente da dos seus asociados, e gozará de plena capacidade xurídica de obrar conforme a lexislación vixente

TÍTULO SEGUNDO

Obxectivo xeral e fins específicos da asociación

Artigo 4º. Obxectivo xeral

Contribuír á axuda moral, psicolóxica, física e educativa e promover a inserción social de todas as persoas afectadas de lupus en todas as súas formas ou tipos, independentemente do grao de incapacidade física que padezan, facilitando o acceso a servizos enfocados á prevención dunha situación de dependencia. Desenvolver todas as actividades sociosanitarias que sexan necesarias para dar a coñecer a enfermidade, contribuíndo así a un diagnóstico precoz e evitando os seus efectos colaterais.

Artigo 5º. Fins específicos e actividades

1.- Para os efectos do artigo anterior, considéranse fins principais da asociación:

  • Facilitarlles apoio persoal a todos os afectados de lupus e aos seus familiares, residentes en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, proporcionando servizos de información e orientación sobre o lupus.
  • Promover o estudo do lupus no terreo da investigación experimental e de novos tratamentos para evitar que os afectados sufran as incapacidades físicas que derivan dos graves efectos secundarios dos actuais tratamentos.
  • Promover medidas orientadas á normalización das condicións de vida das persoas afectadas de lupus, independentemente do grao de incapacidade física ou sensorial da que poidan estar afectados, para acadar a súa plena integración na sociedade e evitar a exclusión social.
  • Facilitar, promover e utilizar os medios lícitos de propaganda, publicidade, información ou difusión para dar a coñecer a Asociación Galega de Lupus, así como os problemas das persoas afectadas por esta doenza e os seus familiares.
  • Colaborar coas administracións públicas para a prevención e tratamento do lupus, coñecendo e achegando suxestións a cantas leis e decretos, que no tocante aos pacientes de lupus, proxecten promulgar. Así mesmo, conseguir as axudas necesarias para o propio desenvolvemento da asociación.
  • Desenvolver programas dirixidos á atención da muller lúpica, dende un enfoque multidisciplinario e integral, considerando que o 90% das persoas afectadas de lupus son mulleres.
  • Establecer relacións con todas as asociacións de lupus, independentemente do seu ámbito de actuación.

2.- Para levar a cabo estes fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:

  • Atención integral aos afectados de lupus e aos seus familiares, de maneira individualizada, informando e valorando sobre as demandas presentadas e, sempre que sexa preciso, derivando e prestando asistencia nos trámites necesarios para acceder a outros recursos.
  • Facilitar o acompañamento e o apoio aos socios hospitalizados e ás súas familias mediante programas de voluntariado social.
  • Asesoramento da problemática laboral, social, etc., relacionada con lupus, así como a protección do menor afectado de lupus na súa etapa de escolaridade.
  • Traballar na mellora do benestar psicosocial das persoas afectadas de lupus, desenvolvendo programas e actividades como obradoiros e charlas-coloquios para promover a súa autonomía persoal e evitar toda forma de exclusión social.
  • Facilitar o acceso a servizos de rehabilitación fisioterapéutica, atención psicolóxica e terapias ocupacionais, que axuden a desenvolver con normalidade as actividades na vida diaria aos afectados de lupus.
  • Evitar situacións de illamento psicosocial das persoas afectadas de lupus, realizando actividades de acollida e convivencia dos asociados, editando publicacións periódicas e tendo presenza nas redes sociais para divulgar entre as persoas interesadas as novidades sobre o lupus e as actividades da asociación.

 

TÍTULO TERCEIRO

Ámbito territorial, domicilio e duración

Artigo 6º. Ámbito territorial

O ámbito de actuación da asociación esténdese ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º. Domicilio

A ASOCIACIÓN GALEGA DE LUPUS (AGAL) ten o seu domicilio social no Centro Asociativo Domingo García Sabell, situado no número 17, baixo, da Praza de Esteban Lareo, IIª Fase do polígono de Elviña. A Coruña.

O traslado do domicilio social será acordado pola Xunta Directiva e comunicado ao Rexistro de Asociacións, sen que iso supoña alteración ningunha destes estatutos.

Artigo 8º. Duración

A Asociación ten unha duración indefinida, non se podendo disolver máis que por imperativo legal o nos casos e formas establecidos nos presentes estatutos. 

TÍTULO CUARTO

Socios: denominación, clases, requisitos de admisión, causas de baixa, reingreso, libro de rexistro, dereitos e deberes dos socios

Artigo 9º. Socios, denominación

Toda persoa, maior de idade, ou entidade que voluntariamente solicite a entrada na Asociación Galega de Lupus. Os menores de idade poderán ser socios de número, sempre e cando o pai/nai/titor sexa socio colaborador.

 Artigo 10º. Clases de socios

Socio de número:

  • Toda persoa afectada de lupus, maior de idade e con capacidade de obrar, que o solicite.
  • O menor de idade ou o xuridicamente incapacitado por medio do seu representante legal.

 Socio colaborador:

Toda entidade ou persoa física maior de idade e con capacidade de obrar que solicite voluntariamente pertencer á asociación.

Socio de honor:

Toda persoa física o xurídica que a Xunta Directiva considere acredora deste título ou distinción.

Artigo 11º. Requisitos de admisión

 A solicitude de admisión formalizarase mediante unha ficha de inscrición debidamente cuberta, acompañada dunha fotografía tamaño carné, que será presentada á Xunta Directiva, acordando esta o ingreso do novo socio, adxudicándolle a delegación correspondente. Deste acto dará conta a asociación, na primeira Asemblea Xeral que se celebre.

Para a admisión dos socios, será necesario o pagamento dunha cota fixada pola Xunta Directiva e ratificada pola Asemblea Xeral. A Xunta Directiva poderá eximir do pagamento da cota de ingreso aquelas persoas (exclusivamente socios de número) que o soliciten por se atoparen en situación de insuficiencia de recursos económicos. A Xunta Directiva poderá solicitar acreditación documental da dita situación.

Artigo 12º. Perda da condición de socio

Producirase a baixa:

  1. A pedimento propio: solicitarase a baixa por escrito dirixido á Xunta Directiva.
  2. Por falta de pagamento das cotas establecidas.
  3. Por expulsión, motivada por faltas cunha transcendencia que atente ao honor desta asociación ou pola utilización dela para fins distintos dos que foi creada. A expulsión será decretada pola Xunta Directiva; non obstante, o socio poderá recorrer contra esta decisión ante a Asemblea Xeral Extraordinaria, que ratificará ou denegará a expulsión.

Artigo 13º. Libro de rexistro

A asociación levará un libro-rexistro no que consten todos os datos persoais do socio, así como o número que, por rigorosa orde de inscrición, lle corresponda, e a data en que cursaron alta e baixa respectivamente. Deste procedemento estarán exentos os socios de honra. Estes datos rexeranse pola lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

 Artigo 14º. Reingreso

Os socios que causen baixa voluntaria poderán reingresar na asociación en calquera momento. Adxudicaráselles un novo número de asociado, continuando coa orde correspondente no libro de altas.

Os socios expulsados pola canle establecida no apartado c) do artigo 12 non poderán solicitar o seu reingreso na asociación ata que transcorran cinco anos dende a súa expulsión, e o seu reingreso deberá ser ratificado en asemblea xeral extraordinaria. 

Artigo 15º. Dereitos dos socios

Os socios terán dereito a:

  • Usar e gozar dos servizos e vantaxes da asociación, e exercer cantos dereitos se lles concedan nestes estatutos ou lles recoñezan as leis vixentes.
  • Participar dunha maneira real e efectiva na dirección e marcha da asociación.
  • Voz e voto en todas as asembleas, tanto ordinarias como extraordinarias.
  • Elixir e ser elixidos membros dos órganos directivos.
  • Propor reformas e achegar suxestións para a maior eficacia dos fins da asociación.
  • Ao exercicio de todas aqueloutras funcións que lles confiran as leis xerais sobre asociacións sen ánimo de lucro, sempre que non vaian contra o establecido nestes estatutos.
  • Os socios de honra terán voz sen voto e non poderán ser elixidos para desempeñar cargo directivo ningún.

Artigo 16º. Deberes dos socios

  • Serán deberes dos socios: respectar, cumprir e facer cumprir o establecido nestes estatutos e normas de desenvolvemento, así como os acordos lexítimos adoptados polos órganos de goberno da asociación.
  • Desempeñar os postos directivos para os que foran designados polos demais socios, na forma e condicións que se establecen máis adiante.
  • Asistir ás asembleas que se celebren, participando nas votacións pertinentes, e a calquera acto que se convoque.
  • Satisfacer puntualmente as cotas establecidas, conforme a aceptación como membro de AGAL, con destino á cobertura das obrigas da asociación.

TÍTULO QUINTO

Administración e goberno da asociación

Artigo 17º. Órganos directivos

A administración e goberno da asociación correspóndelles aos seguintes órganos:

  • Asemblea Xeral.
  • Xunta Directiva.

Artigo 18º. Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral de todos os socios, debidamente convocada e constituída, representa a máxima autoridade respecto ao goberno e dirección da asociación, gozando de plenitude de poderes para a realización do obxecto e cometidos desta, e as súas decisións vincularán a todos os asociados.

Os asociados poderán participar persoal ou debidamente representados, segundo as normas que estableza a Xunta Directiva na convocatoria da asemblea.

Artigo 19º. Clases de Asemblea Xeral

  • A Asemblea Xeral pode ser ordinaria ou extraordinaria.
  • Anualmente celebrarase unha Asemblea Xeral Ordinaria.

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario reunirase cantas veces sexa convocada polo presidente, a pedimento da Xunta Directiva, ou a solicitude escrita de, polo menos, o dez por cento dos socios. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao presidente, asinado polos solicitantes, no que se exporá o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 20º. Convocatoria

A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos primeiros seis meses de cada ano. Tanto a Asemblea Xeral Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo presidente, mediante carta dirixida aos socios, na que se expresarán o lugar, día e hora da reunión, tanto en primeira como en segunda convocatoria, así como os asuntos que se van tratar.

Artigo 21º. Quórum

A Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria será validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela, presentes ou representados, a metade máis un dos socios. En segunda convocatoria será válida a constitución da Asemblea calquera que sexa o número de asistentes presentes ou representados nela.

Artigo 22º. Constitución da Mesa

Ocupará a Presidencia da Asemblea Xeral o presidente da Xunta Directiva, ou o vicepresidente ou un membro da Xunta Directiva que, por designación presidencial, o substitúa por imposibilidade de ambos.

O presidente da Asemblea Xeral dirixe os debates e concede ou retira a palabra.

Actuará como secretario da Asemblea o secretario da Xunta Directiva e, no seu defecto, a quen aquela designase, ou, subsidiariamente, o que determine o presidente, sempre que sexa un membro da asociación.

Antes de entrar na orde do día, formarase a lista dos asistentes, expresando o carácter de representación de cada un e o total de socios presentes ou representados que concorren.

Para o suposto de eleccións para cubrir o cargo de presidente, constituirase unha mesa presidida polo socio de maior idade, exercendo como secretario o socio máis novo dos asistentes e, en caso de empate en idade, o máis antigo. Tamén se poderán realizar votacións por correo, e serán os membros da Mesa os encargados de rexistrar e contabilizar debidamente todos os votos.

Artigo 23º. Actas

O secretario redactará a acta das deliberacións e acordos adoptados e trasladaraa ao Libro de actas debidamente legalizado da asociación. As actas serán asinadas polo secretario e o presidente, e ratificadas pola Asemblea ao final desta ou na seguinte reunión. As certificacións en relación coas actas serán libradas polo secretario.

Artigo 24º. Competencias

Correspóndelle á Asemblea Xeral Ordinaria:

  • Deliberar acerca de cantos asuntos lle afectan á asociación e ás súas actividades, e decidir sobre as directrices que cómpre seguir.
  • A aprobación do orzamento, balance, contas de ingresos e gastos, así como da xestión da asociación.
  • Calquera outro asunto que non sexa competencia específica da Asemblea Xeral Extraordinaria.

A Asemblea Xeral Extraordinaria entenderá de calquera asunto de interese que non sexa competencia exclusiva da Asemblea Xeral Ordinaria ou que, polo seu carácter de urxencia, non admita demora ata a celebración desta, e correspóndelle:

  • Adoptar acordos sobre disposición, alleamento e gravame de bens mobles, inmobles e valores.
  • Aprobar as modificacións dos estatutos da asociación.
  • Elixir os integrantes da Xunta Directiva.
  • Aprobar a integración nunha federación de asociacións, se xa existise, ou decidir a súa fusión con outra ou outras de similar cometido independentemente do seu ámbito de actuación.
  • Ratificar a expulsión dun socio decretada pola Xunta Directiva.
  • Decidir sobre a disolución da asociación. Para decidir a adopción de acordos sinalados nas epígrafes anteriores, será necesario, en todo caso, o voto favorable das dúas terceiras partes dos socios presentes ou debidamente representados.

Artigo 25º. Adopción de acordos

Os acordos adoptados segundo os preceptos anteriores obrigarán a todos os asociados, mesmo os non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente, o secretario procederá á lectura da acta da Asemblea anterior, que deberá ser aprobada polos asistentes.

Posteriormente, o secretario presentará a orde do día. Cada punto será sometido a informe polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día, procederase, se a presidencia o considera oportuno ou o solicitan un dez por cento dos asociados inscritos no libro de membros, a facer unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordos; e, concluída esta, o presidente levantará a sesión.

A Asemblea Xeral adopta os seus acordos por maioría de votos, presentes ou representados, nas condicións previstas nos artigos anteriores. As votacións poderán ser secretas, debendo ser determinado o carácter destas pola Xunta Directiva ou a pedimento dunha décima parte dos socios asistentes á Asemblea.

Os acordos que vaian en contra destes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser obxecto de recurso de reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º. Xunta Directiva

A Xunta Directiva é o órgano executivo desta asociación, e exercerá a representación, dirección e administración dela, correspondéndolle facer cumprir os acordos aprobados na Asemblea Xeral. A metade máis un dos membros que compoñan a Xunta Directiva serán socios de número, podendo estar composto o resto dos seus membros por socios colaboradores.

Naquelas decisións en que, pola súa natureza, se requira un asesoramento técnico, a Xunta Directiva poderá estar asistida polas comisións e asesorías técnicas que para tal fin se creen, as cales presentarán o informe correspondente.

Artigo 27º. Composición

A Xunta Directiva estará integrada por:

  • Un presidente.
  • Un vicepresidente.
  • Un secretario.
  • Un tesoureiro.
  • O número de vogais que se considere conveniente para o mellor funcionamento da asociación.

Artigo 28º. Retribución

Os cargos de presidente e demais membros da Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados das actividades por si mesmos ou por persoa interposta.

A Asemblea Xeral elixirá os cargos, que durarán un período de tres anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente. Os cargos da Xunta Directiva renóvanse por metade. Na primeira quenda serán renovados o vicepresidente, o tesoureiro e o número proporcional de vogais; e no ano seguinte, o presidente, o secretario e os demais vogais. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda de renovación durará un ano máis. O persoal da secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Artigo 29º. Cesamento

Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus cargos:

  • Por perda da calidade de socio.
  • Por renuncia voluntaria.
  • Por pasamento, incapacidade ou calquera outra causa que lles impida o exercicio das súas funcións.
  • Por expiración do prazo do seu mandato.
  • Por proposta do presidente, por decisión da Asemblea Extraordinaria que os nomeou.

Artigo 30º. Normas de funcionamento

A Xunta Directiva reunirase preceptivamente unha vez ao trimestre e tantas veces como o convoque o presidente por iniciativa propia ou por pedimento de tres dos seus membros.

Estas reunións serán convocadas polo presidente ou pola persoa que o substitúa, mediante carta, e con cinco días de antelación á data proposta para a reunión.

A Xunta Directiva quedará validamente constituída cando concorran á reunión a metade máis un dos seus membros.

As decisións da Xunta Directiva adoptaranse por maioría de votos e, en caso de empate, decidirá o voto do presidente ou, no seu defecto, o da persoa designada pola propia Xunta para presidila.

Artigo 31º. Presidente

Ao presidente correspóndenlle as seguintes facultades:

  • Posuír a representación legal da Asociación en todos os seus actos.
  • Convocar, presidir e dirixir toda clase de reunións dos órganos de goberno.
  • Fixar os asuntos a tratar en cada reunión.
  • Facer que se cumpran os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  • Dar o visto e prace ás actas das reunións celebradas, e subscribir, xuntamente co secretario, toda clase de certificacións que deban ser expedidas pola asociación.
  • Adoptar en caso de urxencia as decisións que estime adecuadas á mellor defensa da asociación e dos seus asociados, comunicándollelo no máis breve prazo posible aos demais órganos de goberno segundo a súa natureza.

Artigo 32º. Vicepresidente

O vicepresidente da Asociación serao da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, e substituirá ao presidente nas súas ausencias, desempeñando a Presidencia, en caso de vacante e mentres non se produza a nova elección. Terá as facultades que lle delegue a Presidencia.

Artigo 33º. Secretaría

O secretario da Asociación redactará acta das reunións que celebren os órganos de goberno desta, librando certificacións co visto e prace do presidente, tendo ao seu cargo a dirección do persoal e dos servizos, así como a garda e custodia de todos os documentos.

Artigo 34º. Tesouraría

O tesoureiro terá as seguintes competencias:

  • Levar ou facer os libros de contabilidade que sexan precisos, encargándose persoalmente da súa custodia.
  • Recibir e custodiar os fondos sociais, ordenar a recadación das cotas e os pagamentos necesarios, posuíndo para iso as sinaturas bancarias co presidente, vicepresidente ou secretario mancomunadamente.
  • Someter á Asemblea Xeral Ordinaria o balance do exercicio económico e preparar o orzamento de ingresos e gastos.

Artigo 35º. Competencias da Xunta Directiva

A Xunta Directiva posuirá a representación da asociación e estará investida das máis amplas facultades para realizar toda clase de actos e operacións en nome dela, sen máis limitacións que as expresamente establecidas nas leis ou nestes estatutos. As facultades da Xunta Directiva enténdense sen prexuízo das atribucións que lle corresponden á Asemblea Xeral.

Con carácter meramente enunciativo, a Xunta Directiva estará autorizada:

  • Para acordar sobre a admisión de socios.
  • Para facer cumprir os estatutos, os acordos da Asemblea Xeral e as normas e disposicións que estean vixentes.
  • Para designar as comisións e os membros destas para a mellor realización das actividades da asociación.
  • Para a formación e presentación á Asemblea Xeral Ordinaria e ás autoridades correspondentes do orzamento de gastos e ingresos de cada exercicio.
  • Para interpretar, en caso de dúbida, estes estatutos.
  • Para nomear e separar o persoal que sexa preciso para a atención dos servizos da asociación, determinando as súas funcións e a súa remuneración.
  • Para acordar, en xeral, cantas medidas crea conveniente para a mellor administración da asociación e para o uso e desfrute dos seus servizos.
  • Para representar a asociación en toda clase de actos, contratos e cando actúe como demandante ou demandado, ante toda clase de accións e recursos, e en xeral podendo, por si ou por medio de procurador, defender ante terceiros os intereses da asociación.
  • Para comparecer en representación da asociación ante toda clase de persoas públicas ou privadas, e para realizar en xeral ante as ditas persoas todas as xestións que sexan necesarias para os fins sociais.
  • Abrir, seguir, dispor e cancelar contas correntes, de aforro ou de crédito, incluso do Banco de España, e para xirar, librar, aceptar, endosar, avalar, negociar, domiciliar e protestar toda clase de efectos mercantís.
  • Para realizar todas e cada unha das xestións necesarias ou convenientes para o mellor cumprimento dos fins establecidos estatutariamente.
  • Para proporlle á Asemblea Xeral a posible federación con outras asociacións de calquera ámbito que persigan os mesmos fins.

Artigo 36º. Vogais

No momento da constitución da asociación, haberá un vogal por cada unha das seguintes cidades: Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. As súas funcións serán as de delegado da asociación, e actuará como representante dela en cada unha das súas zonas.

O número de vogais poderá variar en función das necesidades da propia asociación.

Anexo artigo 36º:

Ademais do vogal titular, existirá outro vogal, chamado segundo vogal, que lle axudará a este a realizar as funcións das vogalías que sexan necesarias para lograr os fins e obxectivos da asociación. Ambos os vogais representarán a asociación en todos aqueles actos que se realicen na súa vogalía.

O segundo vogal non pertence, como tal, á Xunta Directiva, pero substituirá ao vogal titular (primeiro vogal) nas reunións desta ou en calquera outro acto no que deba estar representada a Delegación e o vogal primeiro, por motivos de saúde ou outros, non puidese asistir.

Os vogais terán autonomía suficiente na súa vogalía para levar a cabo as xestións que sexan necesarias para solucionar os problemas ou necesidades que teñan as persoas afectadas de lupus na súa cidade. De todas as súas actuacións deberán dar conta por escrito á Xunta Directiva.

O primeiro vogal será elixido na Asemblea Xeral, xunto co presidente, polos seus socios correspondentes e o seu nomeamento constará na acta. A elección do segundo vogal farase en función das necesidades de cada delegación e o seu nomeamento constará na acta da reunión da Xunta Directiva que se celebre inmediatamente despois da súa elección.

TÍTULO SEXTO

Réxime económico

Artigo 37º. Patrimonio

A asociación constitúese sen patrimonio fundacional, sen prexuízo do que poida constituír a través da súa xestión e que redunde en beneficio dos seus asociados.

Artigo 38º. Orzamento anual

O orzamento anual da asociación estará determinado por:

  • A entrada de cotas por socios.
  • As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.
  • As achegas que voluntariamente satisfagan os socios.
  • A aceptación de herdanzas, legados, subvencións ou doazóns que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  • Os ingresos que poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  • Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
  • Sendo o orzamento inicial de 60.000 pesetas (361 €).

Artigo 39º. Administración e disposición de bens

A asociación administrará os seus bens e disporá dos seus recursos de acordo con estes estatutos e normas que os desenvolvan, así como conforme as leis e demais disposicións vixentes.

Artigo 40º. Exercicio económico

O exercicio económico da asociación comeza o primeiro de xaneiro e termina o 31 de decembro de cada ano natural. Por excepción, o primeiro exercicio comezará na data en que sexan aprobados estes estatutos polas autoridades competentes.

TÍTULO SÉTIMO

Modificación de estatutos, disolución e liquidación da asociación

Artigo 41º. Modificación dos estatutos

Os presentes estatutos poderán ser modificados por proposta da Xunta Directiva ou por unha cuarta parte dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete días para que calquera socio poida dirixir á Secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas contemplarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de tres días á realización desta.

Para ser aprobada a reforma dos estatutos, será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos membros asistentes a Asemblea Xeral Extraordinaria de socios.

Artigo 42º. Disolución e liquidación da asociación

A Asemblea Xeral Extraordinaria pode acordar a disolución da asociación nos seguintes casos:

  1. Por vontade dos asociados, acordada polas dúas terceiras partes destes.
  2. Por outras causas determinadas legalmente.
  3. Por sentenza xudicial.

No suposto da disolución da asociación, a Asemblea Xeral Extraordinaria debe designar tres socios que comporán, xunto co presidente e o tesoureiro, a Comisión Liquidadora, e procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

O haber resultante unha vez realizada a liquidación repartirase entre os centros asistenciais que se determine na Asemblea ou doarase a outra asociación non lucrativa que teña os mesmos ou similares fins aos desta asociación.

Deja un comentario