Harald zur Hausen: “ao redor do 20% dos cancros teñen a súa orixe en infeccións”

Considerando que No Lupus teMos unha alta porcentaxe de infeccións xa sexa por  a enfermidade ou como efecto secundario dos tratamentos, PareceUNOS unHa noticia relevante.

O Nobel de Medicina avoga na USC pola investigación dos cancros e defende a vacina do virus papiloma humano

“Ao redor do 20% dos cancros poden estar causados por infeccións víricas ou doutro tipo” esta é afirmación do Nobel de Medicina Harald zur Hausen na súa visita a Santiago invitado polo programaConCiencia, iniciativa de divulgación científica patrocinada polo Consorcio de Santiago. O científico do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg en Alemaña recibiu o Premio Nobel en 2008 polas súas investigacións sobre o cancro de colo de útero demostrando que en practicamente todos os casos o cancro fora infectado polo papilomavirus humano.

Harald zur Hausen sempre estivo convencido de que o cancro de colo de útero era provocado por unha infección, pero descoñecía cal e nun principio centrou as súas investigacións no herpes xenital. O científico xa conseguira relacionar outros virus con cancro en estudos anteriores a través dos restos de ADN que deixa o virus nas zonas afectadas pola enfermidade. Decidiu centrarse no cancro de colo de útero pola especial incidencia da enfermidade. Tras enfrontarse á comunidade científica conseguiu demostrar que células afectadas polo cancro non só tiñan restos de ADN do papilomavirus humano, senón que ademais estes condicionan o seu comportamento, o que demostra que o provoca.

O premio Nobel explica que nun principio o seu descubrimento non suscitou o interese das farmacéuticas, pero que na actualidade hai máis de 100 millóns de nenas vacinadas contra o virus do papiloma humano en todo o mundo. A infección xenital co virus do papiloma humano (VPH) é a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente no mundo e o cancro de colo de útero é o segundo máis frecuente entre mulleres. Zur Hausen defende a vacina como o mellor método de prevención e considera que non só se debería vacinar as nenas senón tamén aos nenos xa que os homes son os principais transmisores do virus e hai exemplos de cancro causados polo papilomavirus en varóns. En canto á súa efectividade, o científico explica que haberá que agardar para ter datos concretos posto que o tempo medio que pasa entre que se produce a infección ata que se desenvolve o cancro é de 15 a 20 anos e a vacina só se aplica dende o 2006. Fronte aos que o acusan de defender o interese das farmacéuticas, o investigador alemán asegura que o custe da vacina é insignificante se o comparamos co custe do tratamento de cancro, ademais das consecuencias psicolóxicas, sociais e físicas de padecer a enfermidade. Recorda que, a pesar de que só un 5% das mulleres infectadas polo papilomavirus chegan a desenvolver cancro, a infección tamén ten consecuencias sanitarias menos graves, evitables coa vacina á que cualifica das máis seguras do mercado, con só un caso de efectos secundarios rexistrado cada 100.000 aplicacións da vacina.

O Premio Nobel anima aos investigadores actuais a continuar esta liña de traballo xa que se estima que ao redor do 20% dos casos de cancro están causados por infeccións -víricas ou doutro tipo-. A súa afirmación basease nos datos derivados dos estudos de incidencia de diferentes tipos de cancro na poboación segundo o lugar de residencia que evidencia unha relación entre a enfermidade e as circunstancias ambientais dos que a padecen.

Como en anteriores edicións do programa, ofrece unha conferencia gratuíta e aberta ao público, este mércores ás 19.00 horas, baixo o título ‘A busca de cancros vinculados a infeccións’ no auditorio de Novagalicia Banco (Preguntoiro, 23) e o científico reunirase este xoves 22 ás 9.30 horas na Aula Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago co persoal investigador da universidade.


Zur Hausen mantén que hai infeccións que poden causar cancros (Foto: Santi Alvite)

A visita de zur Hausen encádrase na novena temporada do programa de divulgación científica ConCiencia, grazas ao que xa visitaron a USC reputados investigadores como o John Nash, Heinrich Rohrer, Torsten Nils Wiesel, Richard R. Ernt, Michael Atiyah, Frank Wilczeck, Peter Lax e así ata máis dunha trintena de especialistas galardoados con premios Noble, medallas Fields, Premio Abel ou Turing, entre outros.

  • Información en Programa Conciencia de Facebook  
  • Noticia da Universidade de Santiago de Compostela USC
  • Tamén en La Voz de Galicia na que destaca que  «Harald zur Hausen apuesta por vacunar también a los niños contra el virus del papiloma humano»

Deja un comentario

Scroll al inicio