Novamente premiados os investigadores da área de Enfermidades infecciosas, inflamación e inmunidade de Biocaps

A área de Enfermidades infecciosas de Biocaps, recoñecida pola Sociedade Española de Reumatoloxía

Investigadores do IBI logran de novo o premio ao mellor traballo sobre enfermidades autoinmunes sistémicas

O estudo premiado céntrase na Síndrome de Sjögren, unha doenza reumática inflamatoria crónica

Investigadores da área de Enfermidades infecciosas, inflamación e inmunidade de Biocaps lograron por segundo ano consecutivo o recoñecemento da Sociedade Española de Reumatoloxía ao seu labor científico. O grupo do Instituto de Investigación Biomédica (IBI) dirixido por José María Pego fíxose de novo co premio ao mellor traballo sobre enfermidades autoinmunes sistémicas, nesta ocasión pola súa análise sobre os factores que favorecen a aparición de linfomas nos pacientes afectados pola Síndrome de Sjögren.

Dr. José María Pego
Dr José María Pego

A síndrome de Sjögren, descrita en 1930 polo oftalmólogo sueco Henrik Sjögren, é unha enfermidade reumática inflamatoria crónica de causa descoñecida, caracterizada pola sequedade nos ollos e na boca debidas a unha diminución da secreción das glándulas lagrimais e salivais. Nela, as células do sistema inmune chamadas linfocitos invaden e destrúen as glándulas de secreción externa, que son as encargadas de producir os líquidos que lubrican a pel e as mucosas. Tamén poden afectar a outros órganos ou sistemas, como pulmóns, riles, aparello circulatorio ou sistema nervioso, polo que se di que é unha enfermidade sistémica. Con frecuencia prodúcese tamén dor e inflamación nas articulacións, polo que tamén se considera unha enfermidade reumática.

Trátase dunha doenza que pode chegar a afectar ao 3% da poboación, na súa maioría mulleres de mediana idade, e a súa evolución é moi lenta, cun período habitual de máis de 10 anos entre a aparición dos primeiros síntomas e o seu desenvolvemento completo.

Aínda que só un pequeno número de pacientes chega a desenvolver un tumor dos ganglios linfáticos (linfoma), esta é a complicación máis grave das asociadas á síndrome de Sjögren, polo que é importante afondar nela. O grupo do IBI participou na investigación coordinada pola reumatóloga Betina Nishishinya sobre os factores que desencadean este tipo de cancro nos afectados pola síndrome, en colaboración con outros reumatólogos e expertos da unidade de investigación da Sociedade Española de Reumatoloxía.

Os resultados, publicados pola prestixiosa revista Rheumatology International no artigo «Identification of lymphoma predictors in patients with primary Sjögren’s syndrome: a systematic literature review and meta-analysis«, sinalan entre os factores máis relevantes as linfadenopatías (inflamación dos ganglios linfáticos), o agrandamento da glándula parótida, a púrpura palpable (inflamación dos vasos sanguíneos) e os niveis baixos en sangue de proteína C4 e crioglobulinas (cunha función importante no sistema inmunitario, xa que actúan como anticorpos).

Rexistro de pacientes con lupus

O investigador que lidera a área de Biocaps premiada, José María Pego, é o encargado de coordinar o Rexistro de Pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico da Sociedade Española de Reumatoloxía (RELESSER), o rexistro científico uninacional de afectados por lupus máis extenso de todo o mundo. O seu obxectivo é enriquecer de maneira determinante o coñecemento sobre esta enfermidade autoinmune, que afecta a unha de cada mil persoas en España “cunha incidencia que vai en aumento” e cunha orixe que aínda non se coñece con seguridade, polo que é fundamental afondar nas súas características para avanzar tanto na súa diagnose como no seu tratamento e a súa prevención.

O ano pasado o rexistro comezaba a súa fase prospectiva, que consiste no seguimento de varios subgrupos de pacientes, como aqueles cunha diagnose foi recente ou os que sofren «lupus incompletos», é dicir, os que presentan menos de catro criterios da enfermidade, tales como artrite, fotosensibilidade, problemas renais e neurolóxicos, etc. “Neste tempo xa foron estudados 500 pacientes, aos que se lles fai unha historia clínica, un exame físico e cuestionarios que serán continuados durante polo menos tres anos. O obxectivo é determinar cales son os factores que poden predicir unha evolución desfavorable da enfermidade”, conclúe Pego.

Noticia aparecida en Diario da Universidade de Vigo

Deja un comentario

Scroll al inicio